As nosas saídas

Benvidos! Neste blogue podedes gozar das nosas saídas á natureza.



lunes, 31 de mayo de 2010

Monte Pindo e Praia de Carnota

MONTE PINDO


A Moa cos seus 627 metros de altitude é o cumio do Monte Pindo

O Monte Pindo (tamén coñecido como A Moa), é un macizo granítico de 627 metros de altura que se atopa no concello coruñés de Carnota.

Existen numerosas lendas sobre este monte ao que os historiadores románticos denominaron como O Olimpo celta.

O Monte Pindo forma un espazo natural xunto coa praia de Carnota o espazo natural Carnota - Monte Pindo catalogado coma Lugar de Importancia Comunitaria e que se atopa incluído na Rede Natura 2000. O espazo ten unha superficie de 4.629 ha. e abrangue aos concellos de Carnota, Mazaricos, Cee e Dumbría, entre as rías de Corcubión e a de Muros e Noia.


HISTORIA E LENDA

O Monte Pindo domina as terras do Fin do Mundo; o fogar das deidades galegas reflexa na súa rosa vestidura granítica luz e sombra sobre mar e xentes do Finisterrae. Moito corren os contos, lendas e historias sobre este lugar, que chegaron a subscitalo interese en persoeiros galegos dos máis variados eidos.

Os nosos antergos só souberon explicar a vizosa e curiosa xeomorfoloxía do Monte Pindo, inzada de relevos en bolos de granito, mediante historias de deidades, esculturas, ou monstros e xigantes míticos, e lendas que encheron de ilusión e fachenda aos habitantes destas terras, que transmitiron de pais a fillos durante séculos contos de tesouros fabulosos, belísimas princesas, rutas secretas, serpes de sete cabezas, fadas encantadas, sacrificios e ritos de fecundidade -que ao parecer prevaleceron ata tempos moi recentes-... que deron forma á tradición que sitúa neste lugar o monte sacro dos celtas galegos. Obviando as lendas, o que si se atoparon son numerosos restos arqueolóxicos, coma petróglifos, enseres de bronce e o que parecen ser os restos dunha antiga ermida.


Montes do Pindo. A Moa

As lendas tampouco se esqueceron da veciña paraxe do Xallas, pois dise que tras desta fervenza única en Europa por caer as súas augas directamente sobre a auga salgada do mar, existe unha porta máxica gardada por bruxas que levará embaixo do río ao mozo que se atreva a pasar, podendo daquela casar cunha bela princesa encantada e posuír unha enorme fortuna.


Fervenza do Xallas

Do que si podemos estar seguros é que no século X Sisnando (bispo de Iria Flavia) ordenou a construción do Castelo de San Xurxo nas beiras do monte, para protexer estas terras dos continuos ataques dos piratas medievais. Diversas familias nobres de Galiza habitárono ata que o castelo foi destruído no ano 1467 nas Revoltas Irmandiñas. Dise que fai cincuenta anos aínda se podían ver parte dos seus muros, desfeitos polos buscadores de tesouros.

Supostamente, outros dous castelos atoparíanse neste entorno, aínda que non se conservan restos materiais determinantes nin documentación analizábel, mais unha inscrición en latín nunha pedra illada da testemuña de toda unha época: "Reis, bispos, presbíteros, todos por poderes recibidos de Deus, excomulgaron aquí este castelo". Esta inscrición, aínda hoxe visíbel, fai referencia á excomuñón que no ano 1130 lanzou o arcebispo Xelmírez contra o Conde de Traba, por ter prisioneiro no seu castelo ao Arcediano de Trastámara.


XEOLOXÍA E NATUREZA

O Monte Pindo é unha inmensa mole de granito rosa cuxo cumio (chamado A Moa) acada os 627 metros de altura. Atopa os seus complementos ideais na praia de Carnota, a máis longa de Galiza e cuxa aparencia muda constantemente, e na espectacularidade da fervenza do Xallas no Ézaro, único lugar de Europa onde un río cae en fervenza directamente sobre as augas do océano, espectáculo agora raramente observábel por mor do acoramento das augas do río Xallas en Dumbría.

A difícil accesibilidade do Monte Pindo gardou virxe durante séculos o maior tesouro ao que calquera lenda puidera terse referido: un conxunto natural único, un auténtico edén de especies naturais raramente visibles en ningunha outra parte do mundo. A xoia desta coroa é o carballo anano (quercus lusitanica), especie distribuída polo sur da península Ibérica e o norte de Marrocos que ten no Pindo o seu único asentamento en territorio galego. A especie atópase catalogada como vulnerable no catálogo galego de especies ameazadas en Galicia, xa que distribúese por un pequeno asentamento dun só quilómetro cadrado de superficie. No Pindo atópanse varios exemplares desta especie, declarada en alto risco de extinción, e que soubo coexistir con outros carballos como os quercus robur e quercus pyrenaica, con piñeiros coma o pinus pinaster, pinus radiata e pinus sylvestris, e mais con loureiros (laurus nobilis), acibros (ilex aquifolium)... e con outras moitas especies de altísimo valor ecolóxico.


Carballo anano (Quercus lusitanica)



ACCESOS

Acceso dende O Pindo

Aínda que existen varios roteiros alternativos, o máis salientábel é a subida tradicional, desde o que coñeceremos máis intensamente toda a mística do Monte Pindo. Comeza na parte posterior da Igrexa de San Clemente na aldea de O Pindo, situada no Concello de Carnota, a medio camiño entre Muros e Cee. Desde alí, a través de sendeiros moi ben sinalizados, poderemos poñernos no cumio en aproximadamente dúas horas e media. Xa ao principio, poderemos ver un panel explicativo do que nos agarda durante o ascenso. Comezámola subida, cruzando unha pequena ponte sobre un regato e continuamos por un estreito camiño delimitado polos dous lados por ringleiras de pedras. Estas pedras, á vez que subimos, vólvense máis grandes debuxando as máis variadas formas antropomorfas.

Cara á metade da subida, aparecen ante nós as ruínas do antigo castelo de San Xurxo, na actualidade un monte de pedras. A vexetación comeza a escasear e, se temos sorte, podemos ver manadas de cabalos bravos.


Despois de levar camiñado un quilómetro e medio, vemos á dereita o alto do Pedrullo (265 m.). Na súa aba oriental hai un amoreamento de pedras procedentes dunha antiga construción. Neste lugar dise que estivo situada a antiga fortaleza de san Xurxo

Ao chegar aos primeiros cumios o sendeiro toma dirección nordeste e logo norte, para acceder á plataforma pétrea pola parte leste.

Cando chegamos ao cumio, o espectáculo que se nos apresenta á vista compensa todo o esforzo realizado. Dende este promontorio temos unha panorámica certamente privilexiada da zona, co Cabo Fisterra, a Ría de Corcubión, a desembocadura do río Xallas... e grande parte do litoral galego aos nosos pés. Tamén podemos ver un conxunto de petróglifos.

Ría de Corcubión dende A Moa





Desembocadura do río Xallas co Cabo Fisterra ao fondo, dende o monte Penafiel

Acceso dende Quilmas

Algo máis curto que o anterior, comézase o roteiro desde unha pista que sae da estrada xeral C-550, na zona máis ao sur do núcleo de Quilmas, e que leva dereita ao Chan das Lamas. Desde aí, débese bordear a chaira polo lado esquerdo. Ao chegar á propia aba do monte Pindo, pódese seguir pola pista situada ao lado esquerdo para chegar case ata o castelo de San Xurxo, ou ben tomar a ruta sinalizada para comezar o ascenso ao monte Pindo do xeito habitual.

Acceso dende O Fieiro

Este acceso, se ben non fai moito máis curta a subida ou baixada ao monte Pindo, si a fai bastante máis doada ao supoñer menos barreiras físicas que os restantes accesos. A aldea do Fieiro atópase atravesando desde Dumbría o embalse do Ézaro e continuando pola pista asfaltada. Xa no lugar, tómase un desvío por unha pista de terra a man dereita da vía asfaltada, a partir da cal comeza a ascensión bastante ben sinalizada con marcas de pintura e croios amontoados polos sendeiristas. Este acceso revélase como o máis axeitado para visitar directamente o monte Penafiel (curiosa formación granítica cun rechamante aspecto piramidal) ou a Cova da Xoana, das máis espectaculares e coñecidas desta área. Outra das peculiaridades deste acceso é que o roteiro é totalmente diferente aos demais accesos mencionados polo momento, transcorrendo polo mesmo camiño unicamente durante os metros finais da ascensión.

Acceso dende Caldebarcos

Comezamos a ruta xunto - temos cartel - a unha canteira ata que chegamos ao regacho Botireiro, afluente do Valdebois, un dos principais ríos que forman as marismas de Caldebarcos. Continuamos xa en subida ata alcanzar unha pista asfaltada, que abandonaremos en cincuenta metros, xusto onde comeza á esquerda a pista forestal que nos leva ao Chan dás Lamas. A pista sobe xunto ao regacho Botireiro con fabulosas vistas a toda a contorna de Carnota. Á nosa dereita quédanos o coloso do Pindo - aquí é fácil imaxinarse aos Picapiedras - e despois do último repeito tomamos o camiño á dereita para percorrer o chairo ata o miradoiro de Onde Adórase. O traxecto suma 4,5 quilómetros, aproximadamente unha hora. Desde o miradoiro vemos o porto e as praias de Quilmás e O Pindo, sobre o fondo no horizonte, o Cabo Fisterra. Pasado este punto, xunto a uns rochedos, comeza a ruta de ascenso á Moa - tamén coñecida como Olimpo Celta - son 430 metros de ascensión, xa subimos 200, que nos levarán hora e media subir e unha hora baixar - pero vale a pena, sobre todo se collemos un día despexado.

Outras alternativas

• Acceso desde Arcos, Mazaricos.

A PRAIA DE CARNOTA E AS MARISMAS DE CALDEBARCOS

A praia de Carnota, con forma de media lúa, é un espazo natural de incalculable beleza e de grande interese medioambiental. Tras un inmenso areal duns 7 km de lonxitude, un conxunto único de unas e marismas cunha lagoa interior acolle comunidades vexetais e animais de gran interese.

Praia de Carnota dende O Pindo. Foto de Eduardo Ramos o 21-05-2010

Para os afeccionados á observación de aves este é un lugar ideal, xa que serve de refuxio a multitude de especies nos seus movementos migratorios e a outras que aquí se asentan durante todo o ano, co engadido de ser un dos poucos lugares de Galicia onde aniña a píllara papuda. (Charandrius Alexandrinus).

No corazón da praia, a desembocadura do río Vadebois ofrece un marabilloso espectáculo na coñecida como Boca do Río.

Pola súa riqueza e variedade de ecosistemas, así como pola súa inestimable beleza, a Praia de Carnota foi considerada pola revista xermana Traum Sträde unha das cen mellores do mundo. Así mesmo o boletín de novas rentalia.com, nunha sondaxe na que contaron máis de dúas mil opinións, sitúaa entre as tres mellores de Galicia.

Poucos lugares poden sentirse máis orgullosos de ter praias de extraordinaria beleza, condicións e dimensións como as de Carnota. Son numerosas, de forma que o visitante pode elixir que areal prefire, dependendo da tranquilidade, os servizos que ofrece ó bañista e a proximidade de diversos atractivos.

As nosas praias constitúen un tesouro natural, por conservaren cun carácter agreste e salvaxe, o que lle confire un especial atractivo para quen busca o contacto coa natureza. Conflúen varios elementos como o benigno do clima, a excepcional calidade da area e as impresionantes paisaxes que compoñen o val de Carnota: a súa praia de 7 quilómetros, o seu cordón dunal de dunas móbiles, as Marismas e o Monte Pindo que todo o preside, albergando ademais unha fauna e flora de excepcional riqueza e diversidade.

REFERENCIAS LITERARIAS

O Padre Sarmiento fixo unha ampla referencia a este monte, dicindo que o seu nome fora posto pola súa semellanza co Monte Pindo de Grecia; incluso parece haber nos seus outeiros un coro de musas. El mesmo recolle varias historias e lendas sobre el, como que a herba no Monte Pindo crece moito da noite á mañá; que existen nel infindas herbas medicinais, ou que aquí acodían as parellas estériles, coa intención de conseguir ter descendencia.

Otero Pedrayo denominouno "grande testa xupiteriana".

Carré Aldao afirmou a existencia de tres fortalezas aquí: a de San Xurxo, a de Canedo e a de Penafiel.

Xosé Barreiro Barral, grande estudoso deste macizo, afirma que na súa primeira visita a este lugar, aló polo ano 1932, atopou os restos dun antigo poboado e que era aquí onde se situaba unha das tres aras sextianas.

César Antonio Molina dedicoulle ao Monte Pindo o seguinte poema:

O PINDO
O pasado sen teito está nese lugar.
O temor non desterrado ó descoñecido.
Procuramo-la bóveda nun frío mencer
ou nun entardecer sanguiñolento,
ata ser soamente sombras.
E que é o tempo senón
ese espazo escuro da luz
onde se despenan
estas rochas esculpidas polas tormentas,
mentres nos chaman as ruínas dos séculos.

viernes, 28 de mayo de 2010

O roteiro do río Mercurín

FICHA DO ROTEIRO
  • Sendeiro: circular
  • Lonxitude aproximada: 15 Kms
  • Duración: 4 horas e media
  • Dificultade: media
  • Altitude mínima e máxima: 275,1 – 427,4
Información sobre o Roteiro do río Mercurín

A ponte de Penelas, no inicio do roteiro do río Mercurín

Ascensión á Moa

Alumnos e profesores do IES Nº 1 de Ordes no cumio da Moa

DATOS BÁSICOS

Lonxitude aproximada: 10 quilómetros.               

Duración aproximada: 4 horas.

Dificultade: media-alta.

Esta é a ruta que presenta maior dificultade de todas as da Costa da Morte debido ás pronunciadas pendentes de subida como de baixada ao monte Pindo. Lugares de maior interese: a vila do Pindo, as formas das rochas e as panorámicas que observamos durante o camiño e as vistas que podemos gozar desde o alto da Moa.

INTRODUCIÓN

O monte Pindo é un dos lugares máxicos de Galicia. Esta gran mole granítica situada arrentes da costa, de encrestadas e caprichosas formas, con profundos e pendentes vales de difícil accesibilidade, determinaron que se crearan múltiples lendas sobre este monte. Coñecido tamén como o Olimpo Celta, porque segundo a tradición, as súas pedras foron esculpidas polos antigos celtas. As lendas referidas a el debían ser abundantes e coñecidas xa no século XVIII, para que o padre Sarmiento as recollera no seu diario da viaxe que fixo a Galicia en 1745. Fálase da existencia de dous castelos, un no alto de Penafiel, que pertencera primeiro á mitra compostelá e despois á familia dos Churrichaos, e outro, no alto do Pedrullo ou Casteliño, mandado construír polo bispo de Iria Sisnando II, no século X, e derrubado polo Irmandiños.

DESCRICIÓN DA RUTA

A pequena vila mariñeira do Pindo, denominada igual có monte que está ao seu carón, sitúase no extremo norte do concello de Carnota, e constitúe o núcleo urbano de maior entidade. Non foi parroquia ata hai poucos anos, polo que os seus habitantes pertencían a efectos relixiosos a San Mamede, da que distan uns dez quilómetros. Houbo no Pindo unha capela dedicada a San Pedro, hoxe desaparecida, pero o seu nome aínda se conserva na praia que se sitúa ao poñente da vila. No século XVIII fundouse outra por un particular, que na actualidade, fai de parroquial baixo a advocación de San Clemente. O Pindo e o Ézaro, dúas pequenas vilas mariñeiras, tan próximas unha doutra, estiveron durante moitos anos incomunicadas por estrada. A ponte que as une foi construída en 1951, antes había unha barca para cruzar o esteiro do río Xallas, na que pasaban animais e persoas.

Iniciamos esta ruta na vila do Pindo, nun camiño que sae detrás da igrexa parroquial. Todo el sinalizado coas cores branca e marela, sinais internacionais de sendeirismo de curto percorrido. Despois de atravesar un regato, comeza o camiño bordeado por valados, ao que acompaña unha mesta vexetación, na que abundan os piñeiros, loureiros e algún acivro. Vai seguindo o curso do pequeno regato no que vemos algúns muíños abandonados. Á medida que ascendemos a vexetación vai diminuíndo e o camiño convértese nun carreiro, no que comezan a aparecer os primeiros penedos coas súas fantasiosas formas. Despois de levar camiñado un quilómetro e medio, vemos á dereita o alto do Pedrullo (265 m.). Na súa aba oriental hai un amoreamento de pedras procedentes dunha antiga construción. Neste lugar dise que estivo situada a antiga fortaleza de san Xurxo. A partir de aquí o itinerario vira á esquerda, por unha zona relativamente chan. Á dereita deixamos o outeiro Onde Adórase, que podería ter relación cun antigo culto pagán, e o chan das Lamas, unha zona chaira, por onde pasaba o camiño que comunicaba a vila do Pindo coa antiga parroquial de san Mamede. A ruta vai seguindo a bagoada dun pequeno regato e o ascenso vaise facendo cada vez máis pronunciado. Á dereita deixamos o Outeiro do Narís, denominado así pola forma que adquire unha das súas rochas. Chegamos a unha zona aberta e chaira, cunha altitude de arredor dos 500 m., é o val ou chan de San Lourenzo. Aquí en tempos da II Guerra Mundial, houbo unha pequena explotación de wolfran. Á esquerda do camiño, chámanos á atención un impresionante penedo coa forma de xigante, denominado o Guerreiro. Desde este lugar o camiño segue ascendendo en ziga-zaga, a través dunha zona arborada e entre penedos. Finalmente temos que abordar o cume de Moa pola parte oriental, para acceder pola zona norte deste inmenso macizo pétreo.

O cume do Pindo, como o seu nome indica, ten forma dunha xigantesca moa ou plataforma granítica, con abundantes pías. Desde este lugar divisamos impresionantes vistas sobre unha ampla zona costeira. Cara ao norte, vemos o encoro de santa Uxía, as terras da parroquia de Arcos e os montes da Ruña; ao sur, enxérganos o val e a extensa praia de Carnota; e cara ao oeste, ao lonxe, o cabo Fisterra, a inmensidade do océano, a ría de Corcubión e as illas Lobeiras. Ao pé do monte, a vila do Pindo e do Ézaro e a desembocadura do Xallas. Se non queremos subir e baixar polo mesmo camiño, unha boa alternativa, será ascender polo camiño que vimos de describir e baixar pola zona norte, seguindo o itinerario que parte de Fieiro (Arcos-Mazaricos); ou senón, comezar a subida por Fieiro, que resulta máis suave, e baixar á vila do Pindo.

Para chegar á aldea de Fieiro tomamos unha estrada que sae do Ézaro e sobe ao miradoiro do depósito de auga da mancomunidade de Fisterra. Desde alí, seguimos por unha estrada que atravesa o encoro de Santa Uxía e axiña chegamos á aldea.

Seguidores