Alumnos e profesores do IES Nº 1 de Ordes no cumio da Moa
DATOS BÁSICOS
Lonxitude aproximada: 10 quilómetros.
Duración aproximada: 4 horas.
Dificultade: media-alta.
Esta é a ruta que presenta maior dificultade de todas as da Costa da Morte debido ás pronunciadas pendentes de subida como de baixada ao monte Pindo. Lugares de maior interese: a vila do Pindo, as formas das rochas e as panorámicas que observamos durante o camiño e as vistas que podemos gozar desde o alto da Moa.
INTRODUCIÓN
O monte Pindo é un dos lugares máxicos de Galicia. Esta gran mole granítica situada arrentes da costa, de encrestadas e caprichosas formas, con profundos e pendentes vales de difícil accesibilidade, determinaron que se crearan múltiples lendas sobre este monte. Coñecido tamén como o Olimpo Celta, porque segundo a tradición, as súas pedras foron esculpidas polos antigos celtas. As lendas referidas a el debían ser abundantes e coñecidas xa no século XVIII, para que o padre Sarmiento as recollera no seu diario da viaxe que fixo a Galicia en 1745. Fálase da existencia de dous castelos, un no alto de Penafiel, que pertencera primeiro á mitra compostelá e despois á familia dos Churrichaos, e outro, no alto do Pedrullo ou Casteliño, mandado construír polo bispo de Iria Sisnando II, no século X, e derrubado polo Irmandiños.
DESCRICIÓN DA RUTA
A pequena vila mariñeira do Pindo, denominada igual có monte que está ao seu carón, sitúase no extremo norte do concello de Carnota, e constitúe o núcleo urbano de maior entidade. Non foi parroquia ata hai poucos anos, polo que os seus habitantes pertencían a efectos relixiosos a San Mamede, da que distan uns dez quilómetros. Houbo no Pindo unha capela dedicada a San Pedro, hoxe desaparecida, pero o seu nome aínda se conserva na praia que se sitúa ao poñente da vila. No século XVIII fundouse outra por un particular, que na actualidade, fai de parroquial baixo a advocación de San Clemente. O Pindo e o Ézaro, dúas pequenas vilas mariñeiras, tan próximas unha doutra, estiveron durante moitos anos incomunicadas por estrada. A ponte que as une foi construída en 1951, antes había unha barca para cruzar o esteiro do río Xallas, na que pasaban animais e persoas.
Iniciamos esta ruta na vila do Pindo, nun camiño que sae detrás da igrexa parroquial. Todo el sinalizado coas cores branca e marela, sinais internacionais de sendeirismo de curto percorrido. Despois de atravesar un regato, comeza o camiño bordeado por valados, ao que acompaña unha mesta vexetación, na que abundan os piñeiros, loureiros e algún acivro. Vai seguindo o curso do pequeno regato no que vemos algúns muíños abandonados. Á medida que ascendemos a vexetación vai diminuíndo e o camiño convértese nun carreiro, no que comezan a aparecer os primeiros penedos coas súas fantasiosas formas. Despois de levar camiñado un quilómetro e medio, vemos á dereita o alto do Pedrullo (265 m.). Na súa aba oriental hai un amoreamento de pedras procedentes dunha antiga construción. Neste lugar dise que estivo situada a antiga fortaleza de san Xurxo. A partir de aquí o itinerario vira á esquerda, por unha zona relativamente chan. Á dereita deixamos o outeiro Onde Adórase, que podería ter relación cun antigo culto pagán, e o chan das Lamas, unha zona chaira, por onde pasaba o camiño que comunicaba a vila do Pindo coa antiga parroquial de san Mamede. A ruta vai seguindo a bagoada dun pequeno regato e o ascenso vaise facendo cada vez máis pronunciado. Á dereita deixamos o Outeiro do Narís, denominado así pola forma que adquire unha das súas rochas. Chegamos a unha zona aberta e chaira, cunha altitude de arredor dos 500 m., é o val ou chan de San Lourenzo. Aquí en tempos da II Guerra Mundial, houbo unha pequena explotación de wolfran. Á esquerda do camiño, chámanos á atención un impresionante penedo coa forma de xigante, denominado o Guerreiro. Desde este lugar o camiño segue ascendendo en ziga-zaga, a través dunha zona arborada e entre penedos. Finalmente temos que abordar o cume de Moa pola parte oriental, para acceder pola zona norte deste inmenso macizo pétreo.
O cume do Pindo, como o seu nome indica, ten forma dunha xigantesca moa ou plataforma granítica, con abundantes pías. Desde este lugar divisamos impresionantes vistas sobre unha ampla zona costeira. Cara ao norte, vemos o encoro de santa Uxía, as terras da parroquia de Arcos e os montes da Ruña; ao sur, enxérganos o val e a extensa praia de Carnota; e cara ao oeste, ao lonxe, o cabo Fisterra, a inmensidade do océano, a ría de Corcubión e as illas Lobeiras. Ao pé do monte, a vila do Pindo e do Ézaro e a desembocadura do Xallas. Se non queremos subir e baixar polo mesmo camiño, unha boa alternativa, será ascender polo camiño que vimos de describir e baixar pola zona norte, seguindo o itinerario que parte de Fieiro (Arcos-Mazaricos); ou senón, comezar a subida por Fieiro, que resulta máis suave, e baixar á vila do Pindo.
Para chegar á aldea de Fieiro tomamos unha estrada que sae do Ézaro e sobe ao miradoiro do depósito de auga da mancomunidade de Fisterra. Desde alí, seguimos por unha estrada que atravesa o encoro de Santa Uxía e axiña chegamos á aldea.
No hay comentarios:
Publicar un comentario